Saturday 20 de April de 2024

O Concello da Coruña presenta a programación da quinta edición do Festigual, iniciativa a prol da inclusión cultural


Este evento multidisciplinar, que precede ao Día Internacional das persoas con discapacidade, celébrase na cidade do 9 ao 27 de novembro e contará coas actuacións das Tanxugueiras, Orquesta Basket Beat ou Redrum

O Concello da Coruña presentou esta mañá a programación da quinta edición do Festigual, Festival de Artes pola Inclusión Cultural que se celebrará na cidade entre o 9 e o 27 de novembro. Esta iniciativa está organizada pola Concellaría de Igualdade, Benestar Social e Participación xunto coa Fundación Emalcsa, e conta coa colaboración da Fundación María José Jove, Vegalsa Eroski e a Deputación da Coruña.

A concelleira Yoya Neira foi a encargada de presentar os diferentes actos que se desenvolverán en distintos lugares da cidade. Acudiron tamén á rolda de prensa Felipe Alonso, da axencia Nós, Why Not, e Rebeca Ponte, especialista en artes terapéuticas. Tras un ano marcado pola pandemia, o Festigual recupera o seu formato habitual con eventos en diferentes espazos culturais e contará coa programación máis ampla da súa historia.

O Festigual 2021 comeza este martes no Teatro Rosalía coa compañía galega Redrum, que presentará a súa obra feminista ‘Invisibles’. Nesta edición participarán compañías de recoñecido prestixio, como a Orquesta Basket Beat de Cataluña ou a Fundación DISA de Canarias. Tamén destaca no cartel a actuación das populares Tanxugueiras, que pechará o programa o sábado 27 cun concerto no Centro Ágora.

O Festigual volverá tamén a celebrar o Concurso de Fotografía Inclusiva creado o ano pasado. O tema desta edición é a cultura e artes inclusivas e os interesados poderán enviar as súas pezas ata o 30 de novembro. As fotografías gañadoras da primeira edición están xa expostas na Casa da Auga ata o 4 de decembro. Por outra banda, tamén haberá imaxes nos farois da cidade coa exposición ‘Unha mirada dende a diversidade’, de Nós, Why Not, primeira axencia de fotografía de persoas con discapacidade intelectual. As súas obras estarán colgadas do 14 de novembro ao 3 de decembro en Méndez Núñez, avenida do Porto, praza de Lugo, Primo de Rivera e praza de Ourense.

“O Festigual é un escaparate imprescindible para que todo ese traballo de fondo, de ensaios e procesos creativos que supón calquera actividade artística, se expoña ante o grande público”, afirmou a concelleira e Vicepresidenta da Fundación Emalcsa, Yoya Neira.

Neste evento participarán asociacións culturais e sociais e contará con obradoiros inclusivos, concertos, teatro ou exposicións, sempre desde un punto de vista inclusivo.

O Festigual exerce de preámbulo do Día Internacional das persoas con discapacidade que se conmemora cada 3 de decembro. O obxectivo do programa é que todo ese esforzo individual e colectivo teña a porta aberta á profesionalización e á integración en procesos creativos de persoas con todo tipo de capacidades.

A entrada aos diferentes eventos que se celebrarán entre o 9 e o 27 de novembro é gratis ata completar capacidade. Haberá que reservar os billetes no correo electrónico festigual.coruna@gmail.com